Na pantalla, Sonny/Chazz Palminteri dá marcha atrás co seu coche e dille a Calogero/Lillo Brancato:
-Un home só pode ter tres grandes amores na súa vida. Aparecen como os grandes boxeadores, un cada dez anos. Rocky Marciano, Sugar Ray Robinson, Joe Lewis. Ou poden aparecerche todos á vez, como a min. Eu tiven os meus tres grandes amores aos dezaseis anos. E que lle vas facer. A vida é así.
O home da cicatriz érguese e deixa a pistola sobre o sofá. É hora de comer.
40
Xa nin lembra a primeira vez que unha tarde de chuvia se converteu nunha metáfora, nin a primera vez que rompeu unha fotografía, nin a primeira vez que paseou pola cidade pozo como unha somnámbula. Tampouco lembra a primeira vez que observou a súa cara reflectida no espello, pintada para saír, alguén agardando no portal, e adiviñou aterrorizada o sorriso do rostro orixinado.
Puxo música cando profetizou a chegada do terremoto. Shake some action. Ánxela xira cada vez máis rápido sobre o colchón, cada vez máis rápido. Non quere parar, sente o tacto vicoso dun réptil na planta dos pés e berra con todas as súas forzas. As paredes do cuarto tranfórmanse nunha masa informe, bretemosa. Coma un filme que pasa a toda velocidade. Cada vez máis rápido, máis rápido. Maréase. Ánxela precipítase ao chan como a carga pesada dun saco roto. A música segue soando. O impacto foi forte, un estoupido seco. Querería seguir bailando ata ficar exhausta, mais só consegue pechar os ollos e provocarse unha pequena fenda na cabeza que non necesitará sutura. Ánxela xa non está pensando en nada, e parece consciente desa marabilla que leva desexando dende a adolescencia, cando alguén lle dixo que levaba impreso na cara o sufrimento de quen se busca demasaido. Shake some action.
1 comentario:
Supongo que una, que no entiende el gallego más que lo que medio intuye xDDD
Un beso^^
Publicar un comentario